A teoría e a práctica do rexionalismo en Brañas

Alfredo Brañas construíu a súa teoría rexionalista sobre a base dunha experiencia rexionalista en Galicia e Catalunya e sobre o esquema dunha formación xurídica e económica moi intensa. A formulación da súa teoría rexionalista está contida en numerosos traballos, en revistas e xornais, e de xeito especial en El Regionalismo, Estudio sociológico, histórico y literario, editado por Jaime Molinas en Barcelona, en 1889, e alentado para a súa publicación por Antonio José Pou y Ordinas. Con datos máis precisos, e xa cunha terminoloxía e fontes facendísticas e económicas, complétase a súa teoría co discurso de inauguración de curso títulado La crisis económica en la época presente y la descentración regional, publicado en Santiago de Compostela en 1892. En El Regionalismo analiza a idea de Estado e os seus elementos, así como os seus tipos. As súas interesantes Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia tiveron por marco as Bases de Manresa, pero mentres estas afectan ó catalanismo, as de Brañas queren ser o gran texto constitutivo do rexionalismo español, aplicable a todos aqueles países rexionais que tiñan as mesmas aspiracións e que podían formar un gran fronte. O día 1 de xaneiro de 1890, Brañas tomou posesión do seu primeiro cargo público: o de concelleiro do Concello de Santiago de Compostela. O impacto máis fondo do pensamento e da acción política de Brañas produciuse en Catalunya. O catalanismo viu nel a un dos homes máis importantes para o desenvolvemento do rexionalismo. Pola súa parte, Brañas seguiu moi atento á evolución do rexionalismo catalán e desa observación foron xurdindo documentos e escritos que o líder galego tentaba instaurar en Galicia, como as Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia, inspiradas nas Bases de Manresa e outros documentos, pero moito máis matizadas polo xenio organizativo de Brañas. Catalunya seguiuno moi de preto. El Regionalismo (1889) publicouse en Barcelona e tivo alí unha grande audiencia. Os seus discursos foron comentados ou reproducidos por Lo Catalanista, La Renaixensa, La Veu de Catalunya, La Veu de Monserrat e outros xornais catalanistas. Cambó lembra a influencia que sobre el exerceu Brañas con estas palabras: “La emoción más honda de mi vida la he sentido allí (no acto da conferencia pronunciada por Brañas no Pazo do Parque de Barcelona): todo el valor del catalanismo lo he sentido al calor del verbo de aquel Apóstol y desde entonces me incorporé al movimiento catalanista”.