Alfredo Brañas Menéndez

Fundación Alfredo BrañasBrañas é o creador da teoría do rexionalismo galego. É un líder de forte personalidade e ó redor da súa persoa foise desenvolvendo un movemento que se inicia practicamente coa Grande Obra de Antolín Faraldo. Castelao defíneo como gran patriota e home extraordinario. Brañas naceu en Carballo (A Coruña) o 11 de xaneiro de 1859. Alí pasou moi pouco tempo porque o seu pai se trasladou a Cambados (Pontevedra), onde transcorrerá parte da súa nenez. En Cambados fixo un importante labor social, en favor dos mariñeiros; alí inspirouse para moitas das súas obras e incluso O Avellón, polo que tiña de relato vivido. En 1869 inicia o bachalerato en Santiago de Compostela e, despois pasou á Universidade Compostelana, onde se licenciou en Dereito. En 1885 realizou en Madrid os exercicios do Doutorado, cando xa era Secretario Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, cargo no que fora nomeado no ano anterior, cesando en 1885. Como Secretario Xeral fixo un excelente labor, reorganizando a secretaría, redactando o regulamento provisional e publicando unha Memoria-Anuario do Curso 1883-1884, con grande alarde estatístico. Foi profesor interino da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela e logo profesor auxiliar e substituto desde 1885, para obter a cátedra de Dereito Natural da Universidad de Oviedo en 1887. Ó ano seguinte retornou a Galicia, como catedrático de Economía Política da Universidade de Santiago de Compostela.
O xornalismo ofreceulle unha tribuna interesante e atractiva, escribindo para El Porvenir ata que en 1881 se refunde con El Libredón, dirixido por Brañas desde 1885 ata o 1 de maio de 1887. El Pensamiento Gallego, Pensamiento Galaico e Pensamiento de Galicia foron distintos nomes que recibiu o xornal ó que tan vencellado estivo Brañas. A producción xornalística de Brañas é moi grande. El Eco de Santiago, La Gaceta de Galicia, El País Gallego e os anteriormente citados foron marco habitual para o desenvolvemento do seu pensamento. Alfredo Brañas escribiu numerosos poemas en galego e en castelán. Borradores de versos e La Eternidad foron libros publicados en 1881. En 1880 asina a súa Oda a Don Pedro Calderón de la Barca. Na Revista de Galicia publicou (1880) o seu poema “Lamento”. Brañas faleceu ós corenta anos de idade, en Santiago de Compostela, o día 22 de febreiro de 1900. Foi soterrado no cemiterio do Rosario e pasou logo ó Panteón de Galegos Ilustres, en san Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela e na súa tumba pódese ler a seguinte inscrición: “Aquí yaz Alfredo Brañas, bo cristiano, agarimo da terra gallega, sabido maeso na Escola compostelana. Deus o teña no ceo . Naceo janeiro 11-1859. Finou febreiro 21-1900”. Brañas foi un pensador e un líder católico.

“Alfredo Brañas Menéndez: Alumno e mestre desta Facultade, orador, entusiasta, economista, cultísimo, que consagrou a súa ciencia ó benestar dos seus compatriotas.” 1859 – 1900